TECNOLOXÍA

DEPARTAMENTO DE TECNOLOXÍA CO MUNDIAPICULA

Obxectivos

Aplicar as novas tecnoloxías.
Fomentar a creatividade e a investigación.
Reflexionar sobre a transformación de costumes ancestrais.


Participación

1. Elaboración de panais coa impresora 3D
2. Colaboración coa exposición dunha albariza
3. Elaboración de xogos de Scratch baseados no mundo da abella


1. Elaboración de panais coa impresora 3D

As abellas constrúen os seus panais ou alzas con celas, coa forma dun prisma hexagonal, para colocar as súas larvas e almacenar o seu mel. Nos seus panais, as pezas ensámblanse perfectamente, sen espazos perdidos nin sobrelapado, algo que non se podería lograr con círculos nin con esferas. 

Nós deseñamo un panal partindo dun real de 39,5x18,5 cm con prismas hexagonais de 1,1 cm de altura e 4,2 mm de lado, aproximadamente.





Para iso, deseñamos mallas de 6 prismas hexagonais que logo se foron pegando ata chegar á medida que queríamos. Para imprimir a figura, usamos o programa de deseño Fusion 360 xerándose un arquivo .stl. Con ese arquivo e coa aplicación Repetier Host, xérase o códice de coordenadas tridimensional para imprimir, que é un arquivo .gcode.
O tempo de impresión de cada malla foi de 34 minutos. A impresión fixémola a escala 2:1.









2. Colaboración coa exposición dunha albariza
  • Extractor de mel manual. A extracción do mel dos panais realizábase hai moitos anos premendo os panais, o que impedía a súa reutilización. Este extractor de mel, por forza centrífuga, foi inventado por Francesco de Hruschka en 1883 e permite a utilización de panais móbiles enmarcados que se reutilizan mentres a cera sexa útil. Consta dunha canasta tanxencial de 4 cadros. Fabricado en aceiro inoxidable e impulsado por unha transmisión mediante engrenaxe helicoidal en aceiro, inclúe un cesto interior con baleas inoxidables, billas de plástico de guillotina de saída e 3 patas de ferro.
  • Madurador de mel. Fabricado en plástico alimentario. Inclúe unha billa- dispensador na base. Cando se trata de mel, maduración significa depuración. É unha simple decantación nun recipiente como este, no que o mel abandona as súas impurezas (restos de cera, montóns de pole) así como burbullas de aire procedentes da extracción. En pouco tempo ascenden todas as impurezas á superficie, de tal maneira que queda o mel limpo para poder ser envasado para o seu consumo.

  • Coitelo de desopercular. As abellas selan o mel nos panais cunha capa de cera chamada opérculo. Para poder extraer o mel do panal é necesario quitar este opérculo, para o que se utiliza o coitelo. Os coitelos deben estar permanentemente ben afiados e a ser posible tépedos, para facilitar o corte da cera. 

  • Peite de púas de desopercular. Este modelo fabricado en aceiro inoxidable e as pugas teñen ángulo de inclinación para facilitar o traballo. Trátase dunha ferramenta útil e básica para o apicultor. Utilízase para realizar o desoperculado manual dos cadros pasando as súas pugas sobre os opérculos.

  • Cadro de madeira de piñeiro Langstroth con rebaixe Hoffman. Con fío sen tensar.  


  • A colmena Langstroth é a colmea máis usada en España. Foi un gran avance para a apicultura, simplificou o manexo das abellas e permitiu incrementar significativamente a recolección do mel. Emprega cadros e alzas intercambiables.                             
  • Afumador de chapa galvanizada. O afumador foi inventado en 1875 por Moses Quinby. O fume do afumador simula un incendio e reduce a agresividade das abelllas, quen intentando salvarse enchen o papo de mel. O afumador debe subministrar unha fumareda copiosa e fría, é dicir, branca e densa. Consta dun fol fixado a un bote de chapa de cinc. O fol sopra aire á parte baixa do bote, onde combustiona pasto ou follas secas, producindo a saída de fume polo tubo superior.

  • Domo xeodésico. A construción desta estrutura foi montada polo alumnado de 4º ESO. Trátase dunha cúpula a base de triángulos de frecuencia 2. Usamos a páxina de acidome.ru para o cálculo da estrutura. Para o día das abellas, quixemos formar hexágonos de distintas cores forrados con goma eva e así simular panais.

3. Videoxogos de Scratch elaborados polo alumnado


    Ningún comentario:

    Publicar un comentario