EDUCACIÓN PLÁSTICA

CONSTRUCIÓN DUNHA ABELLA

Obxectivos

Visualizar as abellas.
Traballar en equipo.
Coñecer a técnica do papel maché
Coñecer a técnica do cartelismo
Fomentar o gusto pola arte

Participación


  1. Instalación "A colmea (la ruche)"
  2. Abella kawaii
  3. Carteis 

1. A obra "A colmea (la ruche)" foi concebida coma unha instalación temporal, para a que se habilitou o espazo dunha das aulas de Plástica, baleirada de mesas e taburetes e a escuras.
Alumnos de 3ºESO fixeron abellas en papel maché. Trátase dunha técnica moi sinxela na cal se constrúe o volume usando papeis de periódico e cinta de pintor. Neste caso das abellas, había que ensamblar as tres partes do corpo: a cabeza, o tórax e o abdome. Unha vez definidos e pegados estes volumes, cóbrense con anacos de papel encolados con cola branca e  déixanse secar. Con isto conséguese que a superficie da figura quede máis ou menos lisa e con certa dureza. Logo de que seca a cola, procédese a pintalas. Algúns decidiron pintalas en negro e amarelo, con franxas de cor lisa e bordos duros e outros atrevéronse con degradados nas franxas do abdome. Cada alumno (ou parella de alumnos) aportou a súa solución para as patas, as ás (usaron acetatos, film transparente, plástico e arame, silicona, etc.) e para a pelame  do tórax, moi importante cara á polinización, unha das funcións máis importantes que as abellas levan a cabo na natureza.
Para expoñer estas abellas dun xeito orixinal, concibiuse unha serie de lámpadas e formas luminosas. Estas pezas realizáronse dun xeito similar ás abellas, só que nesta ocasión debían quedar ocas para poder iluminarse no interior. Empregáronse globos para construír estes volumes, que se cubriron con papel de seda e engrudo. O engrudo faise con fariña e auga e substitúe á cola branca. O papel de seda permite que a capa sexa moi fina e deixe traspasar a luz do interior. Algunhas destas lámpadas son lisas e outras levan patróns que fan referencia ou ás celdiñas dos panais ou ás franxas das abellas. Todo o conxunto instalouse sobre unha peana branca rectangular lixeiramente elevada do chan, o que lle dá un carácter moi museístico. Empregouse tanza para suspender abellas e lámpadas desde o teito e outras puxéronse directamente sobre a peana.
A instalación complétase cun "panel de visitas" no que cada visitante pode deixar a súa abella debuxada en hexágonos de papel. Así, dun xeito similar a como as abellas constrúen os panais, os visitantes van construíndo a obra coas súas achegas .

2. Realizouse unha abella kawaii para adornar a exposición do hall. A técnica volve a ser o papel maché, a estética neste caso é a kawaii, a diferenza das abellas da colmea, que pretendían ser máis realistas.
Wikipedia --> Kawaii (可愛い?) é un adxectivo do idioma xaponés que pode ser traducido ao galego como 'bonito' ou 'tenro'. Este termo tivo cabida dentro da cultura popular xaponesa, no entretenemento, na moda, na comida, xoguetes, aspecto, conduta e hábitos persoais.

3. Alumnado de 4ºESO, fixeron uns carteis para o Mundiapicula. Para a realización deste cartel, en cartolina de tamaño 50x65 cm. os alumnos e alumnas tiñan que recrear a estética de distintos estilos no cartelismo : Art Nouveau, Art Deco, Psicodelia, etc. A elección e combinación de formas, cores e tipografías, así como a composición debía ter como finalidade recoñecer claramente algún destes estilos.
 


Ningún comentario:

Publicar un comentario